Terça-feira, 12 de Janeiro de 2010

O CUARTO DE ISAAC


Ven na portada do Xornal de Galicia de hoxe. Unha fotografía de Tamara de la Fuente. Non é unha cela. Non en sentido estricto. Unha cela suponse lóbrega, invadida da humidade e negada da luz. Unha cela observa, con rigor, as regras da austeridade, da espartana condición. E contodo, abeira a cela un lugar para a quentura dos místicos, retorcendo a súa fé en carnal solaz de espírito e fluídos, destilados ambos, ao cabo, na palabra lírica.

Non é, xa que logo, unha cela. É, apenas, o lugar onde moraba Isaac Díaz Pardo. A forza creativa, a iluminación artística sobrevivinte a Luis Seoane. O encargado de botar sobre os seus febles ombros, un herdo tan pesado. Hoxe, consumada a traizón, os conxurados agochan as súas facas alagadas en sangue.

É un golpe, por agardado, non menos sentido. O home, contodo, repón o seu rostro enrrugado, virado sobre sí propio polos anos e o acedo escepticismo. Aperta as queixadas e abandona o Instituto Galego de Información, o único lugar do imenso patrimonio material do Grupo Sargadelos no que aínda se lle permitía residir, nas suntuosas condicións que vides de observar.

O legado permanece. En mans lixadas, ben certo é, mais é esa unha tónica á cal os habitantes (non sei se apenas residintes) neste País vímonos afacendo. A prometéica obra de toda unha vida esparexe por toda a nación que a inspirou. A retirada, o afastamento, a purga do seu demiurgo creativo non é máis do que unha outra mostra do traballo da lóxica mercantil: O vello é un estorbo, que impede a optimización do beneficio.
Outra cuestión sería a valorización do efeito que a desaparición da familia Díaz Pardo do Grupo suporía para a conta de resultados do mesmo. É máis que probábel que o afastamento do que vén sendo a cerna artística de Sargadelos e O Castro supoña unha deriva que acabe por afastar o proxecto e a súa liña estilística das orixes, reformulándoo de maneira indisimulada cara a unha orientación -orfa de dirección de Arte- condeada a caída no kistch. A consecuencia última? A desaparición dunha das "Etiquetas" por excelencia da Arte Galega como estrutura empresarial, e a extinción do derradeiro vestixio vivo das vangardas europeas (probábelmente co Cabaret Voltaire?).

A instantánea do cuarto de Isaac vacío é unha labazada na conciencia da sociedade galega. É un exabrupto que conculca o que fomos, o que somos e o que aspiramos a ser. Sen a presenza do homiño de bíblicas dimensións (non só antroponímicas), o cuarto de Isaac devén, finalmente, a cela que nunca foi.




Infelizmente, non dei coa autoría da magnífica fotografía que ilustra esta postaxe.

0 comentários: