O xornal A Nosa Terra publica unha entrevista a Shirley Mangini, Profesora de Literatura Española na Universidade Estatal de California e escritora especializada nas intelectuais femininas da Segunda República e o Franquismo. Nesa entrevista, Mangini fala de Maruxa Mallo, sobre a que está a piques de publicar unha biografía, e o que dí, non sei se sorprende, mais non deixa en absoluto indiferente. Para alén de ser unha magnífica artista plástica, coetánea de pintoras magníficas como Tamara de Lempicka, Tarsila do Amaral, Frida Kahlo ou Angeles Santos, Maruxa fora unha muller dotada dun contundente físico e dun firme carácter. Estes factores, unidos ao seu desexo de expremer a vida como un limón acedo e fresco, fixeron, segundo narra Mangini, que o peso da súa obra pictórica e a súa enorme influencia na Arte da Segunda República, o protagonismo ao que por mérito se facía acreedora, ficase soterrado baixo a habitual serie de repugnantes preconceitos. Vexamos:
"Fala vostede de que no triángulo Lorca-Buñuel-Dalí, ela sería unha cuarta presenza que co tempo se ocultou.
O exilio é a principal razón dese esquecemento, pasoulle a outros moitos exiliados. Pero Maruxa Mallo foi tamén especial porque ela quixo apuntarse á loucura dos anos das vangardas e foi moi escandalosa. Tiña moitos noivos, deitábase cuns e outros e á hora de verdade a Maruxa afastárona tamén das súas memorias. Atopas algunhas frases en La arboleda perdida de Rafael Alberti, unha ou dúas liñas nas memorias de Pablo Neruda e noutros amigos, como Buñuel, nada. Na mocidade, Maruxa era unha muller de libertinaxe e había que excluíla. No fondo destes homes liberais e de vangarda había tamén o puritanismo ante a muller.
Para ela a promiscuidade foi un estigma e nos homes virtude.
Algo así.
Sitúaa no paradigma das modernísimas. Que quere dicir iso?
Se utilizo ese paradigma é porque foi unha muller que se meteu a fondo no mundo da vangarda, de maneira diferente a como puido facer María Zambrano, que estivo en todos os grupos intelectuais de Madrid nos anos 20/30, pero mantendo a súa independencia. Maruxa era modernísima no sentido da vida tola, integrada en todo aquel frenesí, pero tamén impresionando moito a súa personalidade nos seus contemporáneos. Se les a prensa de finais dos anos 20 e os 30, os maiores críticos de arte e diferentes escritores, falaban da súa obra con admiración pola orixinalidade, de García Lorca a Josep Plá e outros moitos. Impactou moito nesa época, pero ao borrala por “mala muller” deformouse a súa imaxe.
A outros perdonábaselle a excentricidade, como a Dalí, pero a ela pasoulle contas.
Na época que estivo na cima da fama non falaban dela como muller entolecida, iso é máis da prensa cando regresou a España, sobre todo despois da morte de Franco, que a descreben como mascota da xeneración do 27. Non era tal, pero como se presentaba tan estrafalaria, tan enfeitada, no posfranquismo pensaban nela como un esperpento. Mesmo así cando valoraban os seus cadros a cousa mudaba, sobre todo despois da grande exposición do CGAC en Santiago de 1992. Houbo un abalar entre o éxito da súa obra dos anos 20/30 e o que consegue despois nos anos 80/90, cando xa está internada nunha clínica. Pérez de Ayala e Fernando Huici, os comisarios da exposición que agora está en Vigo, estarían entre os seus grandes admiradores."
En definitiva, que os tolos anos vinte (esa xeración beat tan morna) da Institución de Libre Enseñanza, as Misiones Pedagógicas, as Vangardas, o Surrealismo, O Amor Libre, etc. , desenvolven toda a súa trevoada de liberdade para ao cabo, retirarse como a maré, deixando a Maruxa ao descoberto, ferida e espida sobre a area. Todos, de Buñuel a Dalí, a darlle as costas do xeito máis dooroso, através do ocultamento, da súa desaparición ao cabo dos anos, de calquer caste de memorandum no que se lle fixer xustiza (quizá a excepción de Alberti -citado por Mangini- ou Pla; outros, como Lorca ou Hernández, que a amara profundamente, non tiveron tempo).

Quizá o único que aínda consola é saber que por riba da mediocridade moral de quen consciente ou inconscientemente pretenderon xulgala, Maruxa Mallo ocupa xa o espazo que lle corresponde na História da Arte, tomando parte dese inxente número de mulleres que no primeiro terzo do século XX pisaron con fereza as lousas da vella Europa para devorar a vida e as convencións que alguén lles impuxera, e que permanecían intactas desde Trento.
Pouco despois, o Ogro do feixismo pretendería retomar as rédeas. Os que esqueceran citar a Maruxa habían lembrar, desde o exilio, que ningunha liberdade é real se non inclúe a muller. José Afonso haberá de plasmalo unhas décadas despois:
"Mulher na democracia não e biombo de sala"

0 comentários:
Enviar um comentário