Hai momentos nos que a imensa roda da vida colle pulo e larga unha rápida pedalada. A súa inercia, sabedes, ameaza con sepultarnos, con privarnos do esencial e devolvernos á cordura; a sacralizada cordura, por veces tan inerme como absurda.
E non, miñas e meus argonautas cicelados do salitre e os feros ventos da viaxe: Cordura, a mínima para nos manter vivos, humanos e alimentados. Reservemos tamén para nós o íntimo espazo para a rebeldía (ou, se tanto nos proer, mesmo fagámola pública). Convoquemos o vello espírito indómito das enormes chairas que cabalgaran os sioux e os cheyennes, sen que ninguén puidese distinguir onde remataba o equino e comezaba o home.
Paixón, criación, arelas de respirar, alento para poder voltar novamente á vida sen sentir o afogo nos pulmóns, a visión deformada polo filtro que nos impón a mansedume, a invisíbel rédea dos benpensantes.
Sexamos "Giralunas", e non perdamos o metálico e libertario escintiar da lua, simplemente por respeitar a súa antiga lei.


0 comentários:
Enviar um comentário