Velaí o Porto. Esvarando con lixeireza as súas roupaxes de cortesá atacada polo infame bacilo de Koch, para bañar o seu corpo espido nas augas do Douro. Ah, Marguerite Gautier, doente das néboas do sentimento!.
Xa vedes, miñas e meus caros. Tirando de fondo de armario para atopar esta pequena instantánea da fermosísima Cidade que dá nome a Portugal. Ou non foi éste o Portus Callaeci, o Porto dos Galaicos, o País das brétemas nas que aínda se perde o meu devagar?.
Outono trae de novo os rituais da melancolía. Este ano, con algunha pequena novidade. Algún pequeno trasno de ollos ceo recolle landras para amorealas en pequenos e inestábeis milladoiros. Ás veces, coberta pola impunidade, plántaos nos lugares máis extraños, e algún pequeno carballo indesexado abrolla á intemperie das primeiras xeadas. Folga calquera reprobación. Ese ollar de auga non admite cuestións tan absurdas,...
E contodo, Outono trae tamén a lembranza dos Outonos que o precederon. Sperelli e Portugal, como un fidalgo prolongamento de sí propio. Os paseos pola Baixa, a Ribeira, a Praça da Universidade, o Museu Romântico, as extraordinarias livrarias, fechadas sobre sí como pequenas e delicadísimas flores de doce aroma,...
Quizá haxa vagar para unha pequena fuxida este Outono. Que Sperelli bruna a súa coiraza e os seus trebellos. A húmida Cidade do Río de augas escuras quizá, despois de todo, agarde aínda por nós...
Desta volta, tentaremos non esquecer o paracetamol.


0 comentários:
Enviar um comentário