Terça-feira, 3 de Fevereiro de 2009

PEL DE PEXEGO EN CASAHAMLET


Velaí o cadro de John Singer Sargent dedicado aos adoráveis Newton. Poderia ter sido esta pintura inspiración visual para "Pel de pexego", a obra deste rapaz ao que seica tanto devo?


Talvez a contemplación deste cadro, e o sentimento confuso que o mesmo me provocou, fosen a razón última que conducíu as carnes do voso Falstaff até Casahamlet, movido –como xa expliquei en anteriores postaxes- por me gañar as fabas louvando ao meu anfitrión.


Xa que non sei se saberedes que, ferido polo spleen que atinxe aos da súa caste (xa se sabe, ese vacío metafísico que precede á vulgaridade), e após ter padecido desenganos vários (ah, as consecuéncias da inocéncia a idade improcedente!!), resulta que o home ten resolto virar as súas arelas de imortalidade cara ás artes da pluma. E non, quizá erredes, despois de todo. Non está subido a algún baffle do Marítimo, coma se dunha ambigua “drag queen” se tratar. Refíro-me á outra pluma. En definitiva, o mozo ten descoberto (Él teima en dicir “recuperado”) unha recóndita paixón literária.


Enfín, devo admitir que con certeza eu havía-me sentir mais avergoñado se comezase a facer pilates en calquer deses centros de tortura que dades en chamar xinásios, pero contodo, non sei se a opción literária terá sido, ao cabo, mais letal e enchida de externalidades. En calquer caso, foi esa a súa opción, así que a min, no meu clásico rol de afervorizado “palmeiro” gabador, só me fica louvar de xeito desproporcionado as súas métricas, ritmos e parlamentos, do mesmo xeito que en tempos fixera para o meu vello amigo Will, alá nos ventureiros anos do Globe. En calquer caso, a miña déveda é ben máis considerável con éste último, por razóns óbvias.


E así foi que o ínclito en cuestión, o tal Xosé Manuel Garcia Garcia, man con man con António López Rico (outro autor dramático do que se representou un excelente fragmento da súa obra “Tumbas”), perpetrou a súa estrea nese extraño rol do “autorquefaladasuaobra”, largando un incomensurável ladrillo que hei reproducir cando sexa quen de o dixerir en toda a súa dimensión. Para alén de extemporáneo ataque de primavera (á súa idade!), o meu benfeitor dedicou o seu parlamento ás habituais saudades dos tempos idos, a vocación provocadora da Arte –e máxime da dramática- e outros lugares comúns, con maior ou menor fortuna. Quizá o máis logrado para o voso Falstaff, fosen as citas, que, como é lóxico, non eran da súa autoria.


Ao cabo da súa intervención, dous membros da família de Casahamlet, Chus e Santiago, deron asemade lugar a unha leitura dramatizada dunha das máis recentes secrecións do devandito Garcia, “Pel de Pexego”, para a que quizá os fados reserven novas oportunidades, quen sabe,...


Ao autor resultou-lle curioso escoitar por vez primeira as súas palavras en boca de outros, o que certamente deve explicar o siléncio apampanado no que adoita estar recluido nos últimos tempos.


Enfín, unha deliciosa xornada. O meu afectado sorriso de satisfacción ao cabo do Acto sen dúvida ten activado o seu arraigado sentimento de agradecimento, así que coido ter afortalado a miña posición na coda familiar do meu hóspede ártabro. Polo menos até o Carnaval. Que siga escrevendo, que xa farei eu por tirar tallada. O único problema será ter que facer inxesta da súa producción, pero confio en que Talia sexa bondadosa (non de balde son un dos seus preferidos fillos) e me unxa cos aceites da paciéncia e a filantropia.


Que así sexa. Afastai-vos do temporal, alimentade as vosas esbranquexadas carnes con caldo de repolo ou grelo, e amáde-vos sen mesura.

0 comentários: