Segunda-feira, 4 de Maio de 2009

BELEN REGUEIRA E A VERDADE


As ocasións nas que un recebe unha distinción e, lonxe de se deixar á autocomplacéncia, teima en aferrar-se á coeréncia, á inaplacável verdade, absolutamente incompatível coa simulación, coa cinismo, coa arte de calar para non perder.

Belén, todo simpatia, todo coraxe, fai gala do mellor de nós. Asemade, podemos ver entre o público que a escoita, a indiferéncia e até "mosqueo" de non poucos dos que asisten ao acto, que furtan os seus aplausos, ollan cara outro lado, ou ben pertencen á que será a nova dirección da RTVG, aquela que quizá mañá mesmo teña a opción de decidir o futuro profisional da própria galardoada (que adoito ten acreditado a súa exceléncia).

Será posível que a crise sexa quen de extraer de nós esa valentia da que tanto precisamos?.

A miña admiración e o meu máis cálido agradecimento.


Quinta-feira, 16 de Abril de 2009

ESCAPADA AO ROSALIA, NA PROCURA DO LUCIFERINO RUIBAL


Onte puiden pór terra por méio e largar cabos desta infernal família coruñesa que me acolle. Como vedes pola escasa periodicidade das postaxes, isto ten lugar en raras ocasións, así que desculparedes que non me sinta culpábel.

Dicia, pois, que puiden dirixir así as miñas graxas e adipos vários até o Teatro Rosalia Castro (seica xa non é "De" Castro, como antano, por razóns sesudas, ou por mera fidelidade á realidade. Algo, por outra banda, non tan extrano. Se a nosa Poeta Nacional é muller -"rara rareza" universal-, que menos que endosar-lle un "de" no apelido, non vaia ser que fique coxa).
Alí, o Sr. Ruibal era novamente homenaxeado (vai camiño de Caneiro, na caricatura "Acaparatourdeprix" que lle en tempos lle fixera o Suso Sanmartim) nun programa do Diário Cultural da Rádio Galega ao vivo, pola obtención do Prémio de Teatro Radiofónico, que o público e xurado do devandito programa lle concedeu hai uns quince dias -fálla-me a memória desque pecharon a fábrica do Bio-Fósforo Ferrero-. Así, o bardo de Andrés Gaos e o seu non menos satánico acólito César Candelas (todo un polifacético showman de fasquia irónica e canalla -mágoa que sexa membro da secta Dylan con cargo e todo-) fixéron-nos pasar un alegre momento. Houvo música excelente a cargo de Aló Django, con gipsy jazz acústico do bon - con claquet (sapateado) e todo-, e tamén representacións parciais (máis ben leituras dramatizadas) das obras finalistas, para alén das intervencións do Editor (Xerais), Responsábel do CDG e resto de finalistas (Paula Carballeira e Eva Freixeira).

Puiden coincidir por alí con algún membro do clan casahamletiano (Miguel Castelo, debullando un par de interesantes proxectos para curtametraxes documentárias), e vates entregados á gamba con gabardina (podia ser a viola de gamba tan amada por Sperelli, pero xa sabedes que os poetas tamén teñen momentos de febleza), como o Suso Pensado.

Así que apenas un pequeno momento para congratular ao autor do 50% de "Peter Buckley", que me arrincou un compromiso de implicación titiriteira (aos meus anos e horas de vóo, e aínda caendo!!!), e saudar á família do ínclito, para logo, acubillado na tímida noite coruñesa, enfiar as costas da Agra conducido por Pensado o pastorizán, que segue tecendo discurso literário, fiel ao seu aprezo pola beleza.

En definitiva, se á velada unimos a oportunidade de ver xesticular e tomar vida carnal ás hipnóticas e fermosísimas voces de Ana Romaní e Anxo Quintela que decote me arrolan, pois que lle imos pedir. A cinsenta ten que se retirar cedo, que estas lérias entre semana é o que teñen, e caso contrário, acabaria convertida en bocoi esvencellado.
Enfín, que parabéns aos gañadores e organizadores do acto, e que teña continuidade.
Fotografia de Patrícia Santos

Segunda-feira, 30 de Março de 2009

A CLOACA CENTRIFUGA



Lembrades aquela vetusta canción de Silvio Rodríguez? Aquelo de "La tolerancia es la pasión de los inquisidores"?. Sempre me parecera verborrea totalitária. Unha razonadísima xustificación para a prática da intoleráncia. Imaxinava ao Silvio constroindo consignas, deslizando os seus finos dedos sobre as cordas da guitarra, baixo trinta graos de forno tropical, pensando en Mariana, que queria ser canción, encanto o seu rabo (característico de todo vástago luciferino, non pensedes mal) abaneava na procura da brisa.

Sempre me pasaron cousas así. Nos tempos nos que me correspondia entregar-me ás verdades absolutas e gozar da miña própria intransixéncia, resulta que sempre me proeu ese condenado verme da responsabilidade, esa absurda contención xenética para abandonar-me ao placer de ser cretino. Non era ese acaso o meu direito? Pois ben; en vez de escoitar a Silvio e voar, decantar a seiva tardoadolescente ou bordar escarapelas no meu peito inxel, dediqueime, como aquel suxeita loureiros do César, a susurrar as palavras malditas durante a apoteose triunfal: "lembra que só es un home".

Así, procurava incansável mensaxes satánicos e totalitários nas arañeiras de vidro das letras do cubano (efectivamente, tiven unha época universitária ben triste). E o caso é que, por máis que me doa, os anos téñen-me obrigado a admitir que, efectivamente, e para alén das miñas cautelas, a toleráncia adoita ser paixón dos inquisidores, ou que son éstes os que con maior frecuéncia invocan os seus desígnios.

Pois que totalitarismo non enfeita a súa posta en cena cos adovios das grandes palavras, das elevadas causas?. Nengún. E se cadra erren. Quizá a invocación do maligno ainda atesoure engados que arrastren multitudes, aínda que só sexa por mor da novidade (tanta presunta bondade xa fede, non sí?). Enfín, que, mutatis mutandis, aqueles que enchen a boca de liberdade é porque a están a expulsar dos seus cerebros. É dicir, que de tanto lanzá-la ao vento, non lles ficou nengunha dentro. Será posível tal horror!!!?????.

Alguén tivo a ideia nun escritório, nun plató, nun brain storming de camariña eleitoral, ou nas toilettes de algún lóbrego local. Logo, o deseño, o desenvolvimento e a proxección pública, acompañada da conivéncia dos ilustres palmeiros mediáticos, os culpáveis beneficiários naturais e a anestésia xeral que adormece as nosas mentes. de cidadáns de ben... Tanto ten que falemos do noso máis prezado e valoroso ben común. O caso é que os tolerantes, para entusiasmo da caverna e algún que outro colono en comisión de servizo, acadan tan inquisitorial paixón, que atinxen o delírio de pretender a escolla livre onde non existe a opción. E todo isto antes de encetada a Semana Santa, e con linces e fetos en estado de extinción, unha vez expirada a moratória pre-eleitoral pactada entre Rajoi e Rouco Varela.

En definitiva, o natural é o natural, e se os meniños nen sequera albiscan atisbo de galego na súa formación básica, iso non afectará á sua capacidad de eleición, seica. O importante é o mantemento dos priviléxios, e que o delírio dos "destripaterróns" non pretenda arrenegar da ubicación relegada que a História (unha delas, polo menos) lle ten reservado.

Consúma-se a infámia. O peixe morde o anzol e, indignado, racha coas cadeas da imposición. No entanto, o grande masturbador fai soar a caixa rexistradora. A cloaca centrifuga. Amén.

A paixón pola toleráncia os define. Están aí.

Domingo, 8 de Março de 2009

ELEICIÓNS: BACK IN BLACK



Ah, meus mainiños e vulneráveis cativos!. Desolados pola salvaxe "restitución do status" prévio? Fébeis e adurmiñados polo pau? Atinxidos pola inapeténcia e ou incapacidade erótica, ao acudir ás vosas mentes o rosto exultante dos vencedores?? Ha, ha, ha!!. O voso Falstaff, irreverente até cos vosos patéticos altares oferecidos a eses pagáns ídolos aos que consagrades imerecidos desveos, rí poderoso e fai-vos burla.

O pobre cretino que me acolle leva unha semana enteiriña de terápia. Recebe masaxes, é aloumiñado por músicas de tránsito calmo e trata os seus nérvios con compostos químicos vários. Arrastra unha mágoa infinita, e entre dose e dose produce manifestacións de extraña lóxica, tais como: "cometéron-se erros", "isto é un paso atrás", e ledaiñas semellantes, totalmente absurdas, como é lóxico.

Eu, dado que estamos en plena efervescéncia do grelo e o lacón, teño outras preocupacións, e mesmo gozo con esta fermosa apoloxia popular. Despois de todo, os meus anos téñen-me dado ocasión para contemplar con certa distáncia os inúteis desveos do vulgo. Ao cabo, a masa inexorável segue impondo o seu critério. E quen son eu para llo remedar? Esta terra ten dado a luz magníficos logros. Estilos próprios románicos e barrocos, unha extraordinária lírica, afinación musical, fervor artístico e habeléncias artesás e culinárias. Se a elo unimos a alga, a pedra gran e máis a queiruga montesa, sincretizadas na língua, non é cousa para se queixar.

Optemos entón por celebrar o retorno da escuridade, e a orxia carnavalesca das campás do inferno, que tornan a chamar-nos na conxura contra Mordor, e todo aquelo tan épico que vos pon tan trascendentes. E para elo, ninguén mellor que o sátiro Angus, Brian e os seus ledos rapazolos.

Iso sí. Desta volta, sen vídeo. Apenas o fundido en negro. Despois de todo, estamos de loito. Seica.

AC/DC. Hell´s Bells (do seu disco Black in black).

Sexta-feira, 20 de Fevereiro de 2009

O ADEUS DE MANOEL ANTÓNIO



ADEUS

Entre a calima
traspondo o meu ollar
esquivouse o velamio
Deixounos a badía
chea da súa ausencia
e a mañá sen perspectiva

Agora en terra
arredado de min mesmo
por un océano de singraduras
o vento da Ría
vai virando a folla de cada emoción

-O Sol indiferente
Serea augardentosa dos vapores
un retraio de fume
no rompeolas da paisaxe
As engranaxes da grúa
esmoen a mañá morna-

Debaixo dos meus pasos
xorde o ronsel da Vila natal
Ela cos brazos cheos de sono
teima salvarme dun naufraxio antigo
E os meus ouvidos incautos
queren dormir no colo
das cantigas vellas

Eu cacheaba tódolos segredos
das miñas mans baldeiras
por que algo foi que se me perdeu no Mar

...alguén que chora dentro de min
por aquel outro eu
que se vai no veleiro
pra sempre
coma un morto
co peso eterno de tódolos adeuses.



Imaxe: Fotograma de "Sunrise" de Murnau

Terça-feira, 3 de Fevereiro de 2009

PEL DE PEXEGO EN CASAHAMLET


Velaí o cadro de John Singer Sargent dedicado aos adoráveis Newton. Poderia ter sido esta pintura inspiración visual para "Pel de pexego", a obra deste rapaz ao que seica tanto devo?


Talvez a contemplación deste cadro, e o sentimento confuso que o mesmo me provocou, fosen a razón última que conducíu as carnes do voso Falstaff até Casahamlet, movido –como xa expliquei en anteriores postaxes- por me gañar as fabas louvando ao meu anfitrión.


Xa que non sei se saberedes que, ferido polo spleen que atinxe aos da súa caste (xa se sabe, ese vacío metafísico que precede á vulgaridade), e após ter padecido desenganos vários (ah, as consecuéncias da inocéncia a idade improcedente!!), resulta que o home ten resolto virar as súas arelas de imortalidade cara ás artes da pluma. E non, quizá erredes, despois de todo. Non está subido a algún baffle do Marítimo, coma se dunha ambigua “drag queen” se tratar. Refíro-me á outra pluma. En definitiva, o mozo ten descoberto (Él teima en dicir “recuperado”) unha recóndita paixón literária.


Enfín, devo admitir que con certeza eu havía-me sentir mais avergoñado se comezase a facer pilates en calquer deses centros de tortura que dades en chamar xinásios, pero contodo, non sei se a opción literária terá sido, ao cabo, mais letal e enchida de externalidades. En calquer caso, foi esa a súa opción, así que a min, no meu clásico rol de afervorizado “palmeiro” gabador, só me fica louvar de xeito desproporcionado as súas métricas, ritmos e parlamentos, do mesmo xeito que en tempos fixera para o meu vello amigo Will, alá nos ventureiros anos do Globe. En calquer caso, a miña déveda é ben máis considerável con éste último, por razóns óbvias.


E así foi que o ínclito en cuestión, o tal Xosé Manuel Garcia Garcia, man con man con António López Rico (outro autor dramático do que se representou un excelente fragmento da súa obra “Tumbas”), perpetrou a súa estrea nese extraño rol do “autorquefaladasuaobra”, largando un incomensurável ladrillo que hei reproducir cando sexa quen de o dixerir en toda a súa dimensión. Para alén de extemporáneo ataque de primavera (á súa idade!), o meu benfeitor dedicou o seu parlamento ás habituais saudades dos tempos idos, a vocación provocadora da Arte –e máxime da dramática- e outros lugares comúns, con maior ou menor fortuna. Quizá o máis logrado para o voso Falstaff, fosen as citas, que, como é lóxico, non eran da súa autoria.


Ao cabo da súa intervención, dous membros da família de Casahamlet, Chus e Santiago, deron asemade lugar a unha leitura dramatizada dunha das máis recentes secrecións do devandito Garcia, “Pel de Pexego”, para a que quizá os fados reserven novas oportunidades, quen sabe,...


Ao autor resultou-lle curioso escoitar por vez primeira as súas palavras en boca de outros, o que certamente deve explicar o siléncio apampanado no que adoita estar recluido nos últimos tempos.


Enfín, unha deliciosa xornada. O meu afectado sorriso de satisfacción ao cabo do Acto sen dúvida ten activado o seu arraigado sentimento de agradecimento, así que coido ter afortalado a miña posición na coda familiar do meu hóspede ártabro. Polo menos até o Carnaval. Que siga escrevendo, que xa farei eu por tirar tallada. O único problema será ter que facer inxesta da súa producción, pero confio en que Talia sexa bondadosa (non de balde son un dos seus preferidos fillos) e me unxa cos aceites da paciéncia e a filantropia.


Que así sexa. Afastai-vos do temporal, alimentade as vosas esbranquexadas carnes con caldo de repolo ou grelo, e amáde-vos sen mesura.

Terça-feira, 27 de Janeiro de 2009

CANDO VÓS TREMEDES PERANTE A CRISE,...

.



NÓS DETECTAMOS OPORTUNIDADES...


Imaxe de Marc Tule